martes, 4 de octubre de 2022

Mochilas viaxeiras

 A quen temos por aquí?? Pillámolos en plena faena!



Todo é máis doado con axuda, e hoxe pasaron pola Xanela dos Sos os meus axudantes, Leo e Lía, colaboraron montando as mochilas viaxeiras que sairán esta semana cara a algunhas das vosas casas.

En cada mochila vai unha película e un xogo para desfrutar en familia, e, por suposto, un libro! 

Agardamos que vos guste e non dubidedes en deixar os vosos comentarios no caderniño que vai dentro da mochila, xunto coas normas, todas as suxerencias serán ben recibidas e tidas en conta para mellorar.


Charibot



lunes, 19 de septiembre de 2022

PDI

Como xa vos adiantamos ao inaugurar este curso no blog da biblio, este ano imos centrarnos na ecoloxía. O noso proxecto documental integrado (PDI) chámase "SUPERHEROES DO PLANETA", pouco máis hai que engadir.

É un proxecto que non debería acabarse nunca así que a priori diseñámolo para dous cursos, esperando que cale no noso alumnado e consigamos instaurar rutinas e hábitos que queden para sempre nas súas vidas, deso se trata non?

Para comezar adquirimos varios libros que nos van axudar a poñelo en marcha:

  


miércoles, 7 de septiembre de 2022

Inauguramos o curso 2022/2023!!!

 



Moi boas ao noso alumnado!! ás familias e resto de comunidade educativa, que tal de verán? esperamos que veñades recargados de enerxía para traballar e aprender moito!

Pois un curso máis que comeza, con ilusión e con cambios, cunha volta case completa á “normalidade” e botando moito de menos a varios alumnos e alumnas que marcharon… Dende aquí lles mandamos moitos bicos e lles desexamos a mellor sorte a estes chicos e chicas, esperamos que vos vaia todo fenonemal e xa sabedes que a visita é obrigatoria, aquí estaremos para saber de vós!

E sen máis, dar a benvida a todos e todas, en especial ao alumnado novo, desexamos que esteades moi a gusto con nós, eu son Charibot, a mascota da biblioteca, xa me coñeceredes.

Como vedes, hoxe me presento en boa compañía, estes son Leo e Lía, os meus axudantes, que estarán con nós para poñer en práctica o noso proxecto de centro que xa iredes descubrindo, que de que vai? Pois unha pistiña vola dan estes libros que temos ao noso carón…

E xa me despido polo momento, nos imos lendo!


Charibot



viernes, 29 de abril de 2022

Mochilas viaxeiras

Hoxe chegarán a algunhas das vosas casas as mochilas viaxeiras, pouco a pouco, por quendas, todas as familias recibiredes a vosa mochila.

En cada unha delas hai un xogo, unha película en DVD e por suposto, un libro

Preparámolas con agarimo, agardamos que teñan moi boa acollida e desfrutedes do tempo de lecer coas vosas crianzas. Levades tamén onde anotar impresións e suxerencias, estamos abertas a propostas.

Lembrade ler as normas de bo uso da mesma, coidando o material e respectando os prazos de devolución para que outrx alumnx poida levala tamén á súa casa.



Saúdos!!


lunes, 25 de abril de 2022

 Bo día,

Hoxe publico unha entradiña que non quixera pero... por cuestións alleas ao centro, os obradoiros previstos para esta semana, de Charo Pita e Cristina Novoa, teñen que ser cancelados.



Sentímolo moito.

O que segue en marcha son as mochilas viaxeiras, estamos a preparalas coidadosamente para que comecedes a desfrutar delas esta fin de semana.



Charibot

viernes, 22 de abril de 2022

Día do Libro

 

Como xa vos anunciabamos a última vez, temos abril cargado de eventos.


Hoxe, polo DÍA DO LIBRO que se celebra mañá, visitounos unha ratiña dende Lonxedetodo: Lilí Gruyere.


Foi un éxito entre a cativada e entre os que non somos tan pequenos... os maiores e mesmo a mestras desfrutaron un montón!
Houbo contos para todo o alumnado, música, sorpresas, intriga, confeti!!!


Estas imaxes son unha pequena mostra do que vimos, mágoa que non poidamos ensinarvos as caras de ledicia das crianzas.






Lilí comezou con "Turelí, tureló" co que atrapou ao público, seguiu co famoso "Polo Pepe" e rematou cun contiño para os máis maiores, "Oliver Button é unha nena" que trata un dos temas que máis nos repetíchedes as familias na enquisa, o bullying. Polo medio do espectáculo tamén houbo algunha sorpresiña.


O contacontos tivo unha boísima acollida, de aí a importancia de seleccionar os contos, a estructuración do espectáculo, a adaptación aos momentos de atención e ritmo do alumnado... un sinfín de aspectos que Lilí, acomo ratiña de biblioteca e profesional que é, domina. 

E por eso agardamos con máis ansia os seguintes obradoiros nos que, ademais de que a cativada desfrute dun contacontos, as familias e mestras poderemos nutrirnos da experiencia das profesionais que están convidadas:

O mércores 27 ás 16h estará no cole Charo Pita: as familias poderán ver como esta experta lle conta un conto ao alumnado e despois, prestarase a atender as nosas dúbidas en canto a reforzar os vínculos afectivos grazas á lectura.

E o xoves 28, tamén ás 16h, virá Cristina Novoa, unha experta no mundo das bibliotecas escolares, daranos pautas e presentaranos recursos a familias e mestras.


Animámosvos a inscribirvos nos obradoiros chamando ao cole (telf 881 96 10 70), hai aforo limitado, non vos quedes sen praza! 


 

viernes, 1 de abril de 2022

Abril

Comeza ABRIL, e con el un mes cheo de actividades!

Temos por diante datas tan especiais para a biblio como o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) ou o Do Libro (23 de abril).

Aquí vos deixamos o que temos previsto para o alumnado e as súas familias, actividades enmarcadas dentro do Programa de Lectura e Familias grazas a Bibliotecas Escolares de Galicia.

Esperamos que teña moi boa acollida e que vos animedes a participar.



Bulide a inscribirvos que o aforo é limitado!


Charibicos!!