martes, 16 de abril de 2019

Cambio de capitá

Non hai cambio de rumbo, seguimos co vento en popa a toda vela esperando o día que a soñada xanela abra as súas follas, xa queda menos.
Nembargantes, a nosa coordinadora de biblioteca durante case dous cursos ten que abandoar o barco (esperamos que por pouco tempo). Julia, dende que en xaneiro de 2018 embarcamos nesta oportunidade, foi unha das impulsoras deste soño que sacudiu todo o colexio, buscando converter a nosa biblioteca nun elemento estratéxico para a innovación pedagóxica e proporcionando tanto ás alumnas e alumnos, como ás profesoras, oportunidades para o emprego dos múltiples recursos dispoñibles. Unha biblioteca cada vez máis inclusiva, que dea respostas ás necesidades de toda a comunidade educativa e facilitando o tratamento transversal dos contidos e un enfoque interdisciplinar en proxectos e actividades, contribuindo así aos cambios metodolóxicos imprescindibles para a nosa escola actual.
Esperamos seguir contando con Julia a través das súas constribucións no blogue, achegándonos aquelas novidades que ás veces se nos escapan e aportando o punto musical ao asunto, xa sabedes… "Show Must Go On".
Pero esta tripulación non queda á deriva, unha nova capitá asumirá o mando deste barco facendo que este soño compartido estea máis preto de converterse en realidade. Non temos dúbidas que con Begoña chegaremos a bo porto en pouco tempo...