viernes, 22 de abril de 2022

Día do Libro

 

Como xa vos anunciabamos a última vez, temos abril cargado de eventos.


Hoxe, polo DÍA DO LIBRO que se celebra mañá, visitounos unha ratiña dende Lonxedetodo: Lilí Gruyere.


Foi un éxito entre a cativada e entre os que non somos tan pequenos... os maiores e mesmo a mestras desfrutaron un montón!
Houbo contos para todo o alumnado, música, sorpresas, intriga, confeti!!!


Estas imaxes son unha pequena mostra do que vimos, mágoa que non poidamos ensinarvos as caras de ledicia das crianzas.






Lilí comezou con "Turelí, tureló" co que atrapou ao público, seguiu co famoso "Polo Pepe" e rematou cun contiño para os máis maiores, "Oliver Button é unha nena" que trata un dos temas que máis nos repetíchedes as familias na enquisa, o bullying. Polo medio do espectáculo tamén houbo algunha sorpresiña.


O contacontos tivo unha boísima acollida, de aí a importancia de seleccionar os contos, a estructuración do espectáculo, a adaptación aos momentos de atención e ritmo do alumnado... un sinfín de aspectos que Lilí, acomo ratiña de biblioteca e profesional que é, domina. 

E por eso agardamos con máis ansia os seguintes obradoiros nos que, ademais de que a cativada desfrute dun contacontos, as familias e mestras poderemos nutrirnos da experiencia das profesionais que están convidadas:

O mércores 27 ás 16h estará no cole Charo Pita: as familias poderán ver como esta experta lle conta un conto ao alumnado e despois, prestarase a atender as nosas dúbidas en canto a reforzar os vínculos afectivos grazas á lectura.

E o xoves 28, tamén ás 16h, virá Cristina Novoa, unha experta no mundo das bibliotecas escolares, daranos pautas e presentaranos recursos a familias e mestras.


Animámosvos a inscribirvos nos obradoiros chamando ao cole (telf 881 96 10 70), hai aforo limitado, non vos quedes sen praza! 


 

viernes, 1 de abril de 2022

Abril

Comeza ABRIL, e con el un mes cheo de actividades!

Temos por diante datas tan especiais para a biblio como o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) ou o Do Libro (23 de abril).

Aquí vos deixamos o que temos previsto para o alumnado e as súas familias, actividades enmarcadas dentro do Programa de Lectura e Familias grazas a Bibliotecas Escolares de Galicia.

Esperamos que teña moi boa acollida e que vos animedes a participar.



Bulide a inscribirvos que o aforo é limitado!


Charibicos!!





martes, 29 de marzo de 2022

Encontros PLAMBE

 

Os pasados días 24 e 25 de marzo celebráronse en Santiago de Compostela os Encontros PLAMBE.

Foron unhas xornadas moi productivas pois se aprende da traxectoria e experiencia doutros centros PLAMBE, das boas prácticas, coñécese xente moi interesante, apaixoada dos libros  e da lectura... en resumo, son uns encontros moi enriquecedores.

Sempre aprendemos cousas novas que podemos revertir na nosa biblioteca e nos axuda a mellorar.

A continuación vos deixo o programa:



Clicade aquí para máis información. 
Aquí tedes o enlace da Asesoría de Bibliotecas para que poidades acceder aos videos das presentacións e aos materiais aportados polos poñentes.


Saúdos!


martes, 8 de marzo de 2022

8M. Un ano máis, conmemoramos esta data.


No cole fixéronse varias actividades, algunhas son...

Recoñecemento das mulleres importantes da nosa vida:

Tamén traballamos a biografía de mulleres que tiveron un papel relevante ao longo da nosa historia na loita para a consecución da igualdade.





Dende a biblioteca propuxemos lecturas que temos no noso recuncho feminista que pouco a pouco vai medrando con novas incorporacións como:




Concurso Escolar de Entroido

Esta semana promete cargada de contido...

Polo pronto vimos de saber que fomos un dos centro gañadores do Concurso Escolar de Entroido que convocaron Os Bolechas e Grelo Comunicación. Estamos moi contentas!!

Lémbrovos o que presentamos:




viernes, 18 de febrero de 2022

Foi unha semana chea de traballo, non o imos negar, pero hoxe podemos amosarvos os primeiros resultados dos que estamos tremendamente orgullosas (e os que iredes vendo nos vindeiros días...).

Velaquí tedes algunhas das máscaras máis representativas do Entroido Galego.






E o luns lembrade que o Meco manda! 
(pero se encargan as mestras dos mandadiños)


domingo, 6 de febrero de 2022

Enquisa: Lecturas e Familias

Sabedoras dos beneficios da lectura no desenvolvemento global das crianzas e aproveitando a oportunidade de participar no programa de “Lecturas e familias” convocado polas Bibliotecas Escolares, o noso colexio presentou un proxecto e foi seleccionado, sendo o único centro de educación especial de Galicia que participará no programa.

A biblioteca escolar ten como principal misión a de exercer de mediadora da lectura no centro, proporcionando recursos, servizos e oportunidades para o desenvolvemento de competencia lectora e deseñando experiencias de lectura variadas e plurais, acordes ás formas de comunicación actuais e ás necesidades de alumnado, familias e profesorado.

Por este motivo, agradeceríamos a súa participación, anónima, nunha pequena enquisa que nos daría información sobre o papel que xoga a lectura na súa casa así como coñecer os seus gustos e intereses.

Tedes ata o día 14 de febreiro para cubrila.

Premede AQUÍ

Graciñas!