Como xa vos anunciabamos a última vez, temos abril cargado de eventos.
Hoxe, polo DÍA DO LIBRO que se celebra mañá, visitounos unha ratiña dende Lonxedetodo: Lilí Gruyere.
Foi un éxito entre a cativada e entre os que non somos tan pequenos... os maiores e mesmo a mestras desfrutaron un montón!
Houbo contos para todo o alumnado, música, sorpresas, intriga, confeti!!!
Estas imaxes son unha pequena mostra do que vimos, mágoa que non poidamos ensinarvos as caras de ledicia das crianzas.
Lilí comezou con "Turelí, tureló" co que atrapou ao público, seguiu co famoso "Polo Pepe" e rematou cun contiño para os máis maiores, "Oliver Button é unha nena" que trata un dos temas que máis nos repetíchedes as familias na enquisa, o bullying. Polo medio do espectáculo tamén houbo algunha sorpresiña.
O contacontos tivo unha boísima acollida, de aí a importancia de seleccionar os contos, a estructuración do espectáculo, a adaptación aos momentos de atención e ritmo do alumnado... un sinfín de aspectos que Lilí, acomo ratiña de biblioteca e profesional que é, domina.
E por eso agardamos con máis ansia os seguintes obradoiros nos que, ademais de que a cativada desfrute dun contacontos, as familias e mestras poderemos nutrirnos da experiencia das profesionais que están convidadas:
O mércores 27 ás 16h estará no cole Charo Pita: as familias poderán ver como esta experta lle conta un conto ao alumnado e despois, prestarase a atender as nosas dúbidas en canto a reforzar os vínculos afectivos grazas á lectura.
E o xoves 28, tamén ás 16h, virá Cristina Novoa, unha experta no mundo das bibliotecas escolares, daranos pautas e presentaranos recursos a familias e mestras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario